viernes, 15 de marzo de 2024

Pilabot, un plus temporal para a Superliga

Sabedes quen son os equipos que máis pilas reciclan en Meaño? 

Para escribir esta noticia fomos á aula do equipo Fantasma, un grupo de nenas e nenos de 4º curso de educación primaria do colexio de Coirón Dena. Xa dentro da aula, e coa colaboración da mestra Belén, este equipazo narrou a actualidade da súa Superliga Saudable. A continuación a noticia completa: 

"O CEIP Coirón Dena únese á reciclaxe de pilas colaborando activamente no concurso Pilabot. Este concurso chegou ao noso centro a principios de febreiro e remata tal día coma hoxe: 15 de marzo. 

Con esta iniciativa favorecemos entre todas e todos manter o noso planeta o máis limpo posible de contaminación, xa que este material é un gran contaminante, tanto para o medio terrestre como o mariño. 

O concurso Pilabot entrou de cheo na nosa Superliga Saudable axudando aos equipos, xunto a outras propostas como Fruitcounter, mochila sá ou carné saudable, a incrementar puntos na mesma. 

A participación dalgúns equipos como Terra ou Poder Indeciso foi incrible, facendo que fosen os mellores na recollida de pilas e ocupando o primeiro posto con 72 e 62,69 kg respectivamente. Isto fixo que subisen postos na clasificación da superliga nas últimas semanas. 

Ata agora ía no 1º posto Terra cos seus merecidos 4,8 puntos en Pilabot, seguido de Poder Indeciso con 4,47 puntos. Pero, todo isto cambia co penúltimo reconto da Superliga, de maneira que se sitúa no 1º posto Poder Indeciso con 5,01 puntos en Pilabot e nin máis nin menos que 15,46 no total da Superliga. No 2º posto colócase Terra, que aínda que son os mellores en Pilabot con 5,62 puntazos, caen un posto debido a un descenso no consumo de froita. 

Dende o equipo Fantasma queremos dar as grazas en nome do centro pola gran participación na proposta, estamos moi satisfeitos co traballo realizado por todos os equipos, e aínda que uns sumaron máis que outros, queremos recordar que o obxectivo é común, polo que oxalá sexamos o centro gañador!"

A verdade é que a noticia pon os pelos de punto, di moito deste alumnado tan comprometido co planeta e tan empático cos seus compañeiros. Oxalá teñan sorte e leven ese merecido premio! Agardamos ansiosos a seguinte crónica para coñecer a resolución e saber tamén... que equipo foi realmente o que máis pilas recolleu! Sería Terra? Poder Indeciso? Ou haberá sorpresa con Bolboreta ou Fantasma? Os rumores din que teñen moitas pilas por pesar... quen sabe.


Recollida e pesado de pilas para a Superliga (alumnado 3 anos)



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Ranking Healthy Champions League

RANKING HCL Publish at Calameo