miércoles, 17 de abril de 2024

Reunión do Equipo Promotor de Hábitos Saudables

O CEIP Coirón Dena é un colexio que estableceu como obxectivo: "transformar o seu centro nunha escola saudable e sostible, que incremente as oportunidades educativas e, cree tendencias en materia de saúde e benestar a través de hábitos saudables". 

No presente curso escolar o centro conformou un Equipo Promotor de Hábitos Saudables composto por profesorado e alumnado. O propósito deste equipo é impulsar propostas saudables que melloren o clima de convivencia e traballo entre os distintos membros da comunidade educativa, así como a súa calidade de vida.


Hoxe tivemos unha reunión todos os membros do equipo, nela chegamos a un acordo moi importante co equipo directivo sobre o proxecto Dena Activa, que ten que ver coa nosa Superliga Saudable. 





En breves teremos máis novidades sobre un desafío moi motivador e ilusionante. 


TIC TAC...




sábado, 23 de marzo de 2024

Actualidade da Superliga

 Co segundo trimestre rematado toca analizar os datos da nosa Superliga Saudable. Recordarvos que nesta superliga os equipos poden conseguir puntos con diferentes propostas: 

- Pilabot

- Fruitcounter

- Carné Saudable

- Mochila sá

Tendo en conta o anterior, e á vista dos resultados, o mellor equipo en Pilabot foi Fantasma, cun total de 11,68 puntos polos seus 163,4 kg de pilas recollidos. 

Con respecto ao Fruitcounter temos en cabeza ao equipo Poder Indeciso, con 10, 25 puntos superan por moi pouco aos campións do primeiro trimestre no consumo de froita diaria.

A importancia da hixiene postural vai da man de 5 anos, sendo a clase que menos peso transporta nas súas costas cumplindo así coas recomendacións de menos do 10% do peso corporal. Esta aula alcanza 0,91 puntos. 

Por último temos como mellor equipo no carné saudable A Tribo de 1º curso, levan 2,14 puntos na superliga ao sumar 2380 puntos entre todas e todos nos seus carnés. 

Como vedes non hai un claro dominador nesta superliga, son moitos e variados os equipos que mandan nas diferentes propostas. Agora damos por rematado o 2º trimestre e con el Pilabot. Isto debe espertar interés e motivación no alumnado xa que o gañador deste trimestre foi o equipo Fantasma ao alcanzar tantos puntos en Pilabot, pero... se remata Pilabot, quen será o gañador do 3º trimestre, e polo tanto o supercampión do curso? Seguirá en cabeza Fantasma?, ou alcanzárano equipos como Poder Indeciso e Terra que veñen pisando forte? 

Saberémolo á volta de semana santa! 

Un saúdo desde unha Dena máis que activa.




miércoles, 20 de marzo de 2024

Día Escolar da Non Violencia e a Paz

Un dos pasos que demos neste trimestre para acercarnos ao obxectivo de transformar o noso centro nunha escola saudable e sostible foi na coreografía pola paz. Non só creamos un baile con diferentes ritmos, se non que fixemos moito exercicio no patio do centro.



viernes, 15 de marzo de 2024

Pilabot, un plus temporal para a Superliga

Sabedes quen son os equipos que máis pilas reciclan en Meaño? 

Para escribir esta noticia fomos á aula do equipo Fantasma, un grupo de nenas e nenos de 4º curso de educación primaria do colexio de Coirón Dena. Xa dentro da aula, e coa colaboración da mestra Belén, este equipazo narrou a actualidade da súa Superliga Saudable. A continuación a noticia completa: 

"O CEIP Coirón Dena únese á reciclaxe de pilas colaborando activamente no concurso Pilabot. Este concurso chegou ao noso centro a principios de febreiro e remata tal día coma hoxe: 15 de marzo. 

Con esta iniciativa favorecemos entre todas e todos manter o noso planeta o máis limpo posible de contaminación, xa que este material é un gran contaminante, tanto para o medio terrestre como o mariño. 

O concurso Pilabot entrou de cheo na nosa Superliga Saudable axudando aos equipos, xunto a outras propostas como Fruitcounter, mochila sá ou carné saudable, a incrementar puntos na mesma. 

A participación dalgúns equipos como Terra ou Poder Indeciso foi incrible, facendo que fosen os mellores na recollida de pilas e ocupando o primeiro posto con 72 e 62,69 kg respectivamente. Isto fixo que subisen postos na clasificación da superliga nas últimas semanas. 

Ata agora ía no 1º posto Terra cos seus merecidos 4,8 puntos en Pilabot, seguido de Poder Indeciso con 4,47 puntos. Pero, todo isto cambia co penúltimo reconto da Superliga, de maneira que se sitúa no 1º posto Poder Indeciso con 5,01 puntos en Pilabot e nin máis nin menos que 15,46 no total da Superliga. No 2º posto colócase Terra, que aínda que son os mellores en Pilabot con 5,62 puntazos, caen un posto debido a un descenso no consumo de froita. 

Dende o equipo Fantasma queremos dar as grazas en nome do centro pola gran participación na proposta, estamos moi satisfeitos co traballo realizado por todos os equipos, e aínda que uns sumaron máis que outros, queremos recordar que o obxectivo é común, polo que oxalá sexamos o centro gañador!"

A verdade é que a noticia pon os pelos de punto, di moito deste alumnado tan comprometido co planeta e tan empático cos seus compañeiros. Oxalá teñan sorte e leven ese merecido premio! Agardamos ansiosos a seguinte crónica para coñecer a resolución e saber tamén... que equipo foi realmente o que máis pilas recolleu! Sería Terra? Poder Indeciso? Ou haberá sorpresa con Bolboreta ou Fantasma? Os rumores din que teñen moitas pilas por pesar... quen sabe.


Recollida e pesado de pilas para a Superliga (alumnado 3 anos)



jueves, 7 de marzo de 2024

Superliga Saudable

Un novo líder en solitario na Superliga Saudable!

O CEIP Coirón Dena segue de dulce co seu alumnado. Cando estamos preto de rematar o 2º trimestre temos un novo líder en solitario na súa superliga. O equipo de 5º B Poder Indeciso. Con 13,92 puntos colócanse no máis alto da clasificación, destacando os seus 4,47 puntos en Pilabot, xa que trouxeron entre todas e todos... 62,69 kg de pilas!

Porén, non só están no máis alto da táboa pola súa implicación en Pilabot, se non que tamén destacan como os mellores no Fruitcounter con 8,24 puntos ata o momento. Seguidos deles no contador de froita está o equipo Bolboreta, que aínda que caeu ao oitavo posto da clasificación ten moito que dicir aínda. 

Logo, temos ao equipo Terra e A Tribo no segundo e terceiro posto da táboa, ambos lideran con Poder Indeciso a superliga, e que non se despiste este último, xa que no carné saudable son os que máis puntos levan, 2,14 para A Tribo e 1,97 para Terra, nin máis nin menos. 

Queda moito por diante pero a implicación dos equipos está sendo mellor do agardado, que nos deparará esta superliga de aquí en diante? 


viernes, 26 de enero de 2024

Ecopatrulla

Nun planeta que atravesa unha crise climática, e no que coidar a saúde do mesmo é máis urxente ca nunca, volve aparecer en Dena a Ecopatrulla. Unha iniciativa que leva anos funcionando, e cada vez mellor.

Como ás veces un pequeno xesto marca a diferencia,  decidiuse comezar neste 2º trimestre cun obxectivo concreto: 
- Dar de comer aos peixes e á tartaruga







jueves, 18 de enero de 2024

Préstamos Tenda Sostible

 Para preparar o Día da Paz precisamos practicar moito coas combas. Para facelo non queremos comprar moito material, se non que avogamos pola economía circular e o triángulo da ecoloxía coa nosa Tenda Sostible, xa que compartimos o material entre todo o alumnado. 






martes, 16 de enero de 2024

Superliga Saudable

Análise: Bolboreta e A Tribo completan un primeiro trimestre de envexa, con Poder Indeciso ao acecho.

O equipo Bolboreta leva 4,03 puntos, A Tribo moi preto con 3,78 e Poder Indeciso medra na clasificación con 3,72 puntos. 

A superliga leva preto do 35% de carga e con isto chegamos ao final do primeiro trimestre, no que houbo unha participación excelente por parte dos equipos integrantes. Toca anunciar o campión que non é outro que o equipo Bolboreta, conformado polo alumnado de 3º de primaria. 

Cada equipo participou de cheo no Fruitcounter durante as semanas que conforman os meses de novembro e decembro, e salvo sorpresas, todos os equipos saben cal é o seu principal obxectivo. O equipo Bolboreta está disparado na superliga con récord de puntos mentres que equipos como A Tribo, Poder Indeciso ou Dragóns segue ao acecho de Bolboreta. Máis atrás aparecen Ratiprofes e Dream Team que non poden darse por mortos. Tamén destacamos a melloría de equipos como Terra e Planta neste último mes, e como non o equipo Fantasma que foi dos mellores nesta última xornada. 

Dende logo na pelexa pola parte noble todo pode pasar, e equipos como Mundial non deberían darse por perdidos, xa que puntos na mochila ou no carné poden acercalos aos postos da cabeza nun abrir e pechar de ollos. 

Así é que isto só acaba de comezar, ao longo deste segundo trimestre non só conta o Fruitcounter para obter puntos, se non que se acercan os simulacros da mochila sá que tamén aportan puntuación e tamén comezan a chegar os primeiros puntos no carné saudable. A verdade é que se pon moi interesante isto!

Quen credes que gañará o superpremio ao final de curso?








martes, 19 de diciembre de 2023

Día Internacional das Persoas con Discapacidade


 

Para visibilizar o día da diversidade funcional o CEIP. Coirón Dena coñeceu a realidade de varias deportistas con algún tipo de discapacidade física no mundo do deporte. Para coñecelas mellor e sensibilizar sobre a súa realidade debuxáronse as súas siluetas e enchéronse de debuxos de froitas. Tamén coñecemos un pouco máis a linguaxe de xestos e dixemos a froita que máis nos gusta con esa forma de comunicación. Finalmente practicamos diferentes deportes adaptados, sendo conscientes en primeira persoa da gran capacidade destas deportistas.

HEALTHY CHAMPIONS LEAGUE